25 de marzo de 2007

AGOLADA NOS ANOS 60

Así era a vila da miña nenez e esta da foto a única rúa pavimentada. Corresponde á estrada N-640, deseñada para unir Pontevedra con Vegadeo (en Asturias). Agolada naceu aliñándose á beira dos camiños, e desde 1920 moitos quixeron ter a súa casa ou o seu negocio á beira da estrada.
Empezando pola esquerda están as casas de Facundo (asturiano e carniceiro), a do Bar Negro, a do Meixide (tenda, taxi e autobuses), a farmacia de Manuel Peleteiro, a casa de María Manuela, á do Pardo (sen rematar)...
Agolada era unha aldea de 9 casas e 45 veciños en 1845 segundo recolle o dicionario de Madoz. O maior incremento de poboación produciuse despois da construción desta estrada. É polo tanto unha vila de recente creación onde é fácil saber a procedencia de cada unha das familias, case todas naturais de aldeas do propio concello ou dos limítrofes.
A rúa da foto xa contaba con beirarrúas de pedra de granito, sen sumidoiros nin alcantarillado. O tráfico era mínimo e sobraba espazo para aparcar os escasos vehículos que había na poboación. Na foto só se ve unha bicicleta aparcada diante da casa do Meixide.
Mirado desde a óptica actual ¿non vos parece un exceso o letreiro da Caixa de Aforros Municipal de Vigo?

Ningún comentario:

Publicar un comentario