9 de marzo de 2007

CARA DE HÓRREO

Desde que lle puxen un contador de visitas a este blog comprobo con satisfacción que o número de visitantes é fiel e asiduo e síntome na obriga de ofrecervos cada día entradas novas. Obriga estimulante, por certo.
Falaba un día Beatriz Dacosta no seu blog Toxomar da soidade do blogueiro. A min o contador dime que non estou só. Bástame con que vos sintades identificados os de Agolada e tamén penso nos demais galegos, os de aquí e os da diáspora, se chegan a dar co blog. Así é Internet, unha ferramenta excepcional se se sabe administrar.
Para canto dará este blog? Está supeditado á miña entrega e disposición pero tamén á vosa fidelidade. Moitos dos que me ledes tedes o meu enderezo electrónico e gustaríame coñecer algunhas suxestións que poidades facer. Outros podedes facer as vosas aportacións nos comentarios de cada entrada (das que vos motiven).
Para canto dará Agolada? Para moito, anque ás veces poida parecer repetitivo. Dicíavos hai uns días que Agolada é tan grande como ti queiras, do teu espírito depende todo (parafraseando a Vicente Risco). Agolada é un arquetipo da Galicia rural.
Unha miudeza máis é a que vos amoso na foto deste hórreo da Aldea do Monte (Ventosa). Védeslle a cara durmida que ofrece ao sol da mañá? O canteiro soubo poñerlle unha aireación ben graciosa á pedra, ollos grandes de sono e boca de fastío. E incluso con pucha.

1 comentario:

  1. Has de acabar facendo unha ontoloxía do blogueiro. Non empeces a asustarnos co carácter efémero disto agora que estamos xa "colgados". Noraboa

    ResponderEliminar