Foto en branco e negro do álbum de Adolfo de Meixide. Xosé Meijide Blanco empezara o transporte de viaxeiros cun Ford de 8 prazas en 1924 e posteriormente fundou a primeira empresa de autobuses que houbo en Agolada coa compra dun Dodge Carnero de 27 prazas. Adolfo continuou aquela incipiente empresa ata formar unha numerosa flota. De todos os autobuses da empresa, creo que é este da foto o único que tivo nome propio: A CHOCOLATEIRA (un Dennis de fabricación inglesa). O nome non é nada orixinal. Facilmente se entende que nos seus últimos percorridos o motor emitise un ruído semellante ao da chocolateira fervendo chocolate. Creo que foron os alumnos do transporte escolar, que daquela acudían apiñados nos autobuses (¡había nenos, moitos!) quen bautizaron este vehículo.
Conviviu este autobús co Diamond de cor verde, comprado en 1954. Foi un acontecemento cando Pepe (Miguélez) chegara con el a Agolada, sen carrozar. Logo, cando posteriormente veu carrozado, Adolfo levounos aos nenos e a algúns adultos ata o campo da Saleta, nas Trabancas, para estrealo. Viñeron excursións, feiras, festas e o autobús comezou a protagonizar unha parte das nosas vidas.
Todos gardamos recordos entrañables del. Non tiñamos outros coches.
Gustanme os coches antigos e ese autobus esta na lista.
ResponderEliminar