9 de marzo de 2007

DE VIÑOS NA SALA DE FESTAS

Agolada tivo unha sala de festas-restaurante-cafetería. Estreada en 1965 por Carromao na casa que tantos anos permanecera sen rematar, a casa do Jacobo. Foi durante anos centro de reunión e lugar de cita obrigada nas datas máis sinaladas, que era cando había baile. Os días de feira sempre había baile, o día de Nadal, Ano Vello, Reis, domingo de entroido, domingo de Pascua, etc. Acudían mozos de todo o concello, dos municipios limítrofes, os autobuses do Torres e o do Suárez. Agora dámonos conta da vida que aportaba esta sala de festas "El Moderno". Ao pouco tempo de se estrear cambiou de mans e pasou a rexentala a familia Varela Peón. Remataría pechando a principios dos oitenta.
Na foto estamos varios compañeiros tomando uns viños o día de feira, 12 de abril de 1976. De esquerda a dereita: Luís García, Manolo Busto, Marisa Coego, Miguel de Artoño, Suso Chorén, Charo Iglesias e Carlos García Cumplido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario