27 de marzo de 2007

ESPERANTE

Esperante é unha parroquia pequena, limítrofe con Ferreiroa, Vilariño, Santa Comba e Friufe. Está orientada cara o sur, abrigada do nordés. As súas augas verten na cunca do rego de Cobas ou Cobras, que desemboca no Arnego á beira das Caldelas de Vilariño.
A parroquia fórmana as aldeas de San Cibrao (na foto), Esperante, A Penela e O Canaval.
A foto recolle o único cruceiro da aldea e a igrexa, que se asentan nas inmediacións do antigo castro, do que resta un terzo das súas murallas. A igrexa é de estilo barroco rural, sinxela e convencional.
Por esta aldea subía o camiño real desde a ponte Vilariño e pasaba por diante da casa do Coche, denominación que podería aludir á existencia dun servizo de coche de cabalos no pasado. Tiñan tamén cantina.
Esta parroquia experimentou unha forte transformación (económica e paisaxística) desde que se fixo a concentración parcelaria hai xa máis de 25 anos.
Celebra as festas do Carme o primeiro domingo posterior ao 16 de xullo. No pasado era tradición acudir cos xantares ao campo desde as parroquias veciñas.
Quero expresar aquí o meu afecto e recoñecemento aos excelentes compañeiros e amigos Miro e Alberte Galego Fernández (do Pillado), que foron motores nesta aldea de varias iniciativas e que respaldan coa súa presenza en múltiples actividades o orgullo de Agolada.

4 comentarios:

  1. Creo que che falta a aldea de Esperante e a do Coche. Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Bos dias, por casualidade accedín fai uns días o teu blog, e teño que recoñecer que me parece moi interesante, sobre todo a información referida ós lugares e á natureza que nos permiten coñecer un pouco mais ós nosos concellos veciños. Prometo agregar a tua dirección, (se non tes inconvinte) á miña lista de links, porque creo que merece a pena. Déixoche a miña dirección por se queres darlle unha ollada. Saudos de Cui. http://orecunchotroiteiro.blogspot.com

    ResponderEliminar
  3. Se mal non recordo esta igrexa ten unha factura inicial románica; incluso dentro, aínda que desprazados, hai algúns elementos decorativos propios deste estilo no arco central.
    Outra cousa: clama ao ceo -e nunca mellor dito- a desfeita que fixo o párroco: baldosa no chan, retablos pintados de TitanLux -diría que por el- e a estatuaria colocada en peanas de baldosa; iso sí creo que combinando coa do chan. Unha pena...

    ResponderEliminar
  4. Descoñezo a orixe románica desta igrexa. Pero cabe dentro do posible.
    Gracias polo comentario e apertas.

    ResponderEliminar