11 de marzo de 2007

MUÍÑO DAS CANIZAS

Falábavos onte de que o Ulla apenas ten muíños no concello de Agolada. O da foto é o muíño das Canizas, no Ulla. Está no concello de Santiso, na provincia de A Coruña, na parroquia de Barazón. Non é de Agolada pero coma se o fose, está da outra banda do río. É un muíño grande e fermoso situado nunha paraxe con encanto. Unha pasarela metálica comunica o aparcadoiro co muíño. O aparcadoiro está en Agolada, os seus propietarios son de Agolada e Basadroa, os clientes de todas partes. É un muíño reconvertido e restaurado. Na actualidade é un restaurante con prestixio, con cociña de autor e con comedores acolledores.
Este é do tipo de muíños que tiñan incorporada a casa do muiñeiro e as construcións anexas propias dunha casa de labregos: cortes, pendellos, cobertizos...
Velaí como con imaxinación podemos buscarlles un futuro digno e útil aos muíños e que non caian na ruína.

Ningún comentario:

Publicar un comentario