23 de marzo de 2007

O HOME DO PENEDO

O Farelo co seu enorme lombo curvado emana a maxia da media montaña. Non é difícil imaxinar os antigos ritos druídicos sobre dos penedos que o coroan. Currodeguas e o Laredo evocan as derruídas ermidas de San Silvestre e San Simón, respectivamente. Hai, había máis no pasado, no monte un halo de historias non escritas que laten no aire. Cada rocha é unha forma, cada forma unha imaxe, cada imaxe unha sorpresa. Todas posúen nome propio merecido: Coto dos Porros, Coto Convento, Coto das Estremesiñas, Pena do Bicolongo, Coto Arrolda, Pena do Brinco, Coto Valtureira, Currodeguas, Coto das Escaleiras, Coto das Huchas, Coto Corisco... A enorme rocha da foto denomínase O PENEDO. "Un cacho melandro", dicíame un veciño de Aián, recoñecible na distancia. Unha forma caprichosa de cabeza de home, boina incluída. A min figuróuseme o Home do Penedo. Claramente se distingue de perfil unha cabeza, con ollo, nariz, boca... Co seu ollo de pedra mira cada tarde caer o sol, que vai camiño de agacharse tras o Carrio. El pasará a noite no Farelo pequeno agardando que o sol da mañá lle quente a caluga.

Ningún comentario:

Publicar un comentario