14 de abril de 2007

BERREDO


Berredo é unha parroquia pequena que se estende desde Artoño ata o Ulla. Está formada polas aldeas de A Eirexe, As Casiña, O Almacén, Barrio, O Padreiro, Quintá, O Corval e A Cornella.
A parroquia está cruzada pola estrada que une Agolada con Melide. E posúe unha tupida rede de estradas locais que conducen a Basadre, Brántega, Baíña, etc.
Na foto poden verse os lugares de A Eirexe á esquerda e As Casiñas á dereita, no medio de campos e prados. No horizonte destaca o perfil inconfundible da Pena Gundín, en Val de Sangorza. No extremo esquerdo pode distinguirse a igrexa, da que cabe destacar a súa ábsida románica.
Por esta parroquia baixaba no pasado o camiño real que desde Agolada chegaba á Ponte da Cornella (do medievo).
Entre as persoas desta parroquia acadou sona na comarca Abelardo de Berredo, un caso de idiot savant, que é como os cataloga a ciencia médica. Ía por feiras e festas facendo contas de días, horas e minutos e outros cálculos diversos, el que nunca pisou unha escola.

Ningún comentario:

Publicar un comentario