13 de abril de 2007

CURRODEGUAS

Moi preto da cima do Farelo achábase a capela de San Silvestre da que se supón que foi construída para cristianizar o lugar onde se celebraran no pasado ritos druídicos. A capela foi demolida e varios anos despois reconstruída na Aldea do Monte. Á beira dos alicerces do antigo santuario hai unha formación rochosa de bloques graníticos de grandes proporcións. Ás rochas e ao lugar denomínaselles CURRODEGUAS. O topónimo pode ter dúas interpretacións posibles: que fose lugar onde se acurraba o gando mostrenco, nun recinto valado, maioritariamente eguas. Ou ben sería o lugar onde se deixaban as eguas cando ían dacabalo ao santuario polo 31 de decembro, festividade de San Silvestre.
O lugar é unha camposa que se protexe coas rochas do vento nordés no que se pode intuír o muro que o pechaba (queda abundante pedra no perímetro, se ben o valado estaría completamente caído).
Da tradición das romerías que se celebraban naquel santuario queda unha cantiga que aínda canta o pobo:
Ó subila e ó baixala
a costiña do Farelo,
ó subila e ó baixala
perdín a cinta do pelo.
Do lugar quédanos este fermoso topónimo composto: Currodeguas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario