Estamos en período preelectoral e nas sedes dos partidos políticos as cousas andan a ferver. Empezaron coas presentacións de candidaturas (unhas máis humildes e outras con enorme dispendio). É o momento de atoparlle os lixos ao contricante (ninguén adoita ver a enorme trabe no ollo propio). E tamén é a oportunidade para o autobombo e a gabanza persoal (tanta vaidade e presunción causarían bochorno en calquera outro ámbito) É o reino da inmodestia, da boutade, do exabrupto. Todo queda xustificado na procura dun votiño, por pequeno que sexa. ¿Para cando unha campaña sen agresións, sen insultos, sen menosprezos? ¿Para cando a exposición clara de ideas, de proxectos realistas, necesarios e factibles?
Por alusións tomo a liberdade de falar no meu nome e non no da Asociación a cal pertenzo. Houbo un político, máis bisoño do que el mesmo imaxina, que ousou ningunear a Asociación Amigos dos Pendellos con palabras semellantes ás que aquí reproduzo: ¿Quen é esa Asociación Amigos dos Pendellos? ¿Cren que eles poden facer o que queiran cos Pendellos? ¡Os Pendellos son nosos e habémolos amañar á nosa maneira!
Pois ben, eu tentarei respostarlle a esas preguntas que arteiramente prantexou diante dunha parroquia de incondicionais co único ánimo de desprestixiar gratuítamente e de oídas a un colectivo que xa case leva tres anos de traballo intenso a prol deste pobo que a ese político lle interesa moi pouco.
Sempre me preguntei por que nos quixeron ver como oposición se as palabras e os feitos foron decote ben explícitos. Á vista está de que non nos dedicamos á política: ningún membro da directiva da Asociación se presenta por ningunha candidatura ás eleccións municipais nin ten filiación con ningún partido. Esta Asociación ten carácter exclusivamente cultural e traballa pola divulgación, coñecemento e protección do patrimonio artístico, histórico, etnográfico, arqueolóxico, natural e paisaxístico. Así figura nos nosos estatutos desde o primeiro día. Deixamos ben sentado que era obxectivo primordial traballar á beira das institucións para velar polo coidado do patrimonio e proxectar conxuntamente as actuacións necesarias para a súa conservación ou restauración.
Como os Pendellos son, de momento, o único patrimonio declarado Ben de Interese Cultural (BIC) que hai en Agolada, eliximos o seu nome para esta Asociación, que xa conta con 229 socios de número e 65 de Honra. E puxemos no punto de mira a restauración íntegra deste conxunto único e diferente. Para iso reunímonos decenas de veces co alcalde, cos grupos municipais, con dous Delegados Provinciais, catro Directores Xerais, o vicepresidente da Deputación, sete arquitectos... Tratamos sempre de consensuar cos grupos políticos do concello as accións tendentes á restauración dos Pendellos, invitámolos a cantas entrevistas e visitas acudimos, aos actos culturais, á visita ás aldeas do Caurel, etc.
E agora vén un político dos que chupan moqueta e nada saben das nosas necesidades a menosprezar o noso labor. Iso non é xusto, é ruín. Hai moitas maneiras de ser elegantes e non restar méritos a quen ten tanto traballo acreditado. ¿Querían vostedes restaurar os Pendellos e levar todas as medallas? Restáurenos xa e leven as medallas que nós non as precisamos, non pedimos votos. Pedimos dignidade e respecto.
¡Que atrevemento! Dicir como dixo: Os Pendellos son nosos. ¿Nosos, de quen? Esta política que confunde o servicio público coa propiedade non é a que procede. Se a Deputación compra os Pendellos non son da Deputación, digo eu que serán patrimonio do Pobo. O Pobo é o que está representado na Deputación. Hoxe están uns políticos e mañá poden estar outros. Por iso non me cadra o de que os Pendellos son nosos. Son da Deputación que é tanto como dicir do Pobo. Hai un político da mesma color que un día dixera que a rúa era súa. E iso que ninguén sabe de que pagase a contribución por tal propiedade. ¡Hai que fastidiarse!
Non armen liortas que nós seguimos a traballar namentres outros non se enteran de quen somos nin de qué facemos. Porque están nas verzas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario