1 de abril de 2007

IGREXA DE AGRA

A parroquia de Agra sente o balbordo do Ulla polo fondo do val. Está enclavada nunha suave pendente de leiras e prados, nas que se asentan os lugares de Aldea de Baixo, Aldea de Riba, O Outeiro, O Pereiro, A Serra e O Souto.
A toponimia desta parroquia é ben transparente, uns aluden á situación no espazo (Aldea de Abaixo, Aldea de Riba, O Outeiro, A Serra) e outros fan referencia á vexetación (O Pereiro, O Souto). O propio nome da aldea (Agra) indica unha ampla extensión de campos de labradío.
Cando se construíu o encoro de Portodemouros, o Ulla anegoulles parte das pradeiras e algunha terra de labor.
Das construcións da parroquia destaca a súa igrexa, de estilo barroco rural, moi simple. Está dedicada a San Miguel. A igrexa foi erguida polos monxes benedictinos de San Antoniño de Toques, que tiñan aquí couto redondo con plena xurisdición. Detrás da ábsida da igrexa colocouse hai pouco tempo un cruceiro de nova factura, co Santiaguiño no fuste.
Con esta entrada quero testemuñarlles afecto e recoñecemento a Maruxa Fociños Pampín, colega, compañeira e ex-compoñente de Fuxan os Ventos e a Eladio Sánchez Guerra e a Cristina, a súa filla, que xa forman unha estirpe de gaiteiros comprometidos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario