9 de abril de 2007

II ENCONTRO NOS PENDELLOS (III)

Na tarde do II Encontro nos Pendellos programamos varias visitas por puntos de interese dos arredores de Agolada. A primeira estapa levounos ata o Dolmen dos Muíños en Bidueiros, un dos grandes dolmens de Galicia.
Xosé García Miguélez (Pepe de Fernandiño), que andou estas paraxes desde neno foi quen nos descubriu esta marabilla á que el chamaba a casiña dos mouros. Aparece no centro da foto explicando na presenza de Maricarme García Negro, Ramón Varela e Avelino Pousa Antelo, entre outros.

D. Avelino Pousa expoñendo os seus coñecementos sobre as mámoas.

A visita contou coa presenza de privilexio do Director Xeral de Patrimonio, D. Felipe Arias Vilas, arqueólogo e ex-director do Museo de Viladonga. As súas explicacións sobre a cultura dos megalitos contaron cun numeroso e cualificado auditorio: veciños de Agolada, unha ampla representación de escritores, profesores, artistas, ecoloxistas, o Delegado de Medio Rural, etc.

Na foto interior eu demandáballe a Felipe Arias qué tipo de actuación se podería levar a cabo neste monumento para a súa posta en valor. Por certo, a día de hoxe xa se fixo unha primeira actuación tendente á súa protección, se ben nos parece insuficiente namentres non se faga outra de maior envergadura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario