É tan rico o patrimonio dos muíños no rural de Galicia que realmente sorprende incluso a quen os visitamos. Recibo información de varios veciños dos que aínda me quedan por visitar ou do que queda deses muíños, que nalgúns casos son ruínas e doutros non queda nada. Hai poucos días conseguín chegar a un muíño ao que xa intentara ir en dúas ocasións anteriores, sen conseguilo por ter trabucado o camiño. É unha marabilla de muíño, xa volo amosarei. Hoxe fálovos deste da foto, en Axiaz, no Rego da Xara. Está a un quilómetro da aldea, regato abaixo, á beira dos prados. Sorprendéronme os perpiaños delgados das paredes e tellado, ben labrados, unidos nalgúns casos por ganchos de ferro, pois a delgadez da parede ameaza con abrir fendas serias.
Cada rego de certa entidade conta cunha media de dez ou doce muíños de rodicio. Destacan por riba de todos o Rego Lentisco, O Rego da Xara, O rego de Ferreiroa, o Rego de Basadre...
Contemplar como este patrimonio se deteriora e abandona produce unha tristeza aceda. A min ocúrreseme que no canto das moas se poderían adaptar turbinas para a produción de electricidade, con cables soterrados e maquinaria camuflada. ¿Sería posible e rentable? As moas ben puideran restaurarse e deixalas alí á beira como pezas de museo. Cada rego formaría un pequeno parque hidroeléctrico. Por descontado, iso implicaría a restauración respectuosa do edificio, canles, pontellas e accesos.
Penso que é tal o patrimonio de muíños en Agolada que o primeiro que é necesario facer é catalogalos para decatarse realmente so seu valor; logo limpar o acceso a eles, manter os bos, ir arranxando algún e incorporalos a rutas de sendeirismo ou de cicloturismo pois normalmente están en "xardíns botánicos".
ResponderEliminarOla Manolo
ResponderEliminarEste muiño é coñecido como o "Muiño da Pena de Vales" está na propiedade da miña casa de Ventosa e teño datos del do século XVIII. Foi reconstruído varias veces.
Fernando desde Ventosa e Camba