Na foto, estamos cinco cicloturistas do alamBIKE admirando a Ponte dos Cabalos e a paisaxe do entorno. Pode observarse que a plataforma da ponte é facilmente recuperable, só ten algunhas pedras caídas. O que si lle falta é todo o peitoril. Segundo apuntaba o mestre de Muimenta, Francisco Vilariño na súa Reseña histórica da comarca de Deza; nunha das pedras do peitoril está a inscrición fundacional da ponte. Estas pedras xacen case todas no leito do río agardando a que alguén se digne a devolvelas ao seu estado primitivo. Xa é hora de que os concellos de Lalín e Agolada se poñan a traballar e fagan algo para conseguir a total restauración desta ponte. É o monumento histórico máis antigo de Agolada.
Agora que se aveciñan eleccións municipais, propóñolles a todos os partidos que se presentan que inclúan a restauración desta ponte nos seus programas. A moitos daríannos unha enorme satisfacción e custaríalles poucos cartos. Os políticos, que son amigos de colgarse medallas, aquí teñen unha boa ocasión de conseguir unha de ouro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario