O caso da foto está nunha aldea de Agolada, da que non citarei o nome. Non é caso único, hai ducias así. Viñemos a substituír os antigos cangos de castiñeiro para os emparrados por estas prácticas pero enormemente antiestéticas viguetas de formigón. Pretender harmonizar a casa de pedra esquistosa con este reticulado de formigón antóllaseme complicado. Din que os anos, a chuvia e as xeadas han de mimetizalos. Pero o que endexamais cambiarán será o volume e a desproporción da pantalla que case oculta a casa.
Cando dixen reflexión tamén pensei na autorreflexión. Na miña casa natal, en Carmoega, hai dous emparrados restaurados a finais dos setenta e presentan tres ou catro viguetas deste estilo, se ben o resto son cangos de castiñeiro. E anque estean na miña casa e os puxese meu pai, seguen sen me gustar. Sei que non apodrecen pero tamén sei que deberiamos encontrar materiais duradeiros que mantivesen a estética e a escala.
Ningún comentario:
Publicar un comentario