No recinto do antigo mercado de Agolada hai basicamente tres tipos de pendellos: o pendello-expositor, o pendello-comedor e a caseta almacén.
Na foto vemos en primeiro plano un pendello-expositor. É un pendello construído partindo dun muro traseiro e uns piares monolíticos que nalgúns casos se suplementan con madeira para dar altura e nivelación aos tellados. Sobre este muro e piares apóianse as trabes e os pontóns de madeira. Doela e tella completan o tellado. Entre os piares aparece un muro de mediana altura que serve de mostrador das mercadorías. No muro traseiro soe haber unhas pedras saíntes que operarían de contramostrador para expoñer as mercadorías e almacenalas.
Estes pendellos eran propiedade de particulares quen os alugaban aos comerciantes nos días de feira. O restos dos días do mes raras veces se usaban. Ao amparo destes tellados teñen durmido os mendigos, os xitanos nómades e durante as guerras carlistas diferentes partidas de facciosos.
Esta foto é do arquivo que se conserva no Museo de Pontevedra. É do ano 1966. Trátase de pendellos que desapareceron. A min cústame traballo situalos no plano. A ver se algún dos lectores que coñeceran o recinto no seu día, nos pode aclarar onde se encontraban.
Ningún comentario:
Publicar un comentario