10 de maio de 2007

ERRO DE CÁLCULO. EXEMPLO DE ADAPTACIÓN

Confeso que ao momento de ver esta porta xa adiviñei o porqué das curvas nas ucheiras. Non resulta difícil adiviñar que se trata da bodega. ¿Houbo erro de cáculo cando se fixo a porta ou cando se mercou o pipo? Tanto dá. O único comprobable é que un erro de cálculo singularizou a porta e segue aí chamando a atención dos curiosos coma min.
En calquera dos casos merece a pena destacar cómo a parte máis sólida, o inmoble é quen se adapta, perdendo algo de sí mesmo, para facilitar a entrada a un ben moble como é un pipote. E por moi disparatada que pareza a comparación, véñenseme á cabeza os comportamentos humanos intransixentes, intolerantes que sempre conducen á violencia e aos odios. Son máis os que permanecen na soberbia e na integridade da súa ucheira monolítica ca os que deciden perder algo da súa todopoderosa razón para acoller as razóns dos demais. O exemplo da porta dá para reflexionar: un elemento da casa cede ante a cativeza dun tonel e así unha e outro seguen a vivir sen pugnar polo espazo nin pola propiedade da razón.
Eis un argumento para facer a vida máis fácil a quen nos pide o paso.

A porta está na casa de Outeiro en Ferreiroa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario