Hai un fenómeno que afecta á arquitectura das nosas aldeas, vilas e cidades; que desde hai uns anos se coñece co nome de FEÍSMO. Con esta palabra designamos o mal gusto e a trapallada que se van asentando invariablemente en distintos puntos do territorio á hora de construír ou de restaurar as casas ou cando se edifica un galpón, unha palleira ou un establo.
Na foto, unha casa tradicional de pedra loce un balcón onde a mestura de materiais é un paradigma do que nunca deberamos facer (varanda de alumnio, placa con bovedilla de arxila sen recebo, o fronte forrado de plaqueta cerámica, columna de formigón visto, semitabique de bloque, porta de madeira chapeada con cinc ou similar, porta balconeira de aluminio...). E pregúntome ¿tanto esforzo construtivo para que? ¿Para usar dúas ou tres veces ao ano? ¿Que gañou a casa con este elemento? Desde logo nin beleza nin harmonía.
Conservar os valores da arquitectura tradicional e saber restauralos para adaptalos aos usos actuais require certa sensibilidade estética e tamén hai que dicilo, cartos. Eu sempre opinei que parte da desfeita arquitectónica provén da escaseza de recursos económicos. Vaise aos materias baratos, á solución fácil e menos custosa. E outra parte procede da falta dunha educación do sentido estético. Seguro que hai máis causas, pero iso xa sería pretender facer un tratado sociolóxico para o que nin estou capacitado nin é materia para tratar nun blog.
Ningún comentario:
Publicar un comentario