17 de maio de 2007

IV PREMIO RAMÓN CABANILLAS

17 de maio de 2007. Día das Letras Galegas. A Asociación de Libreiros de Cambados fai entrega do seu IV Premio Ramón Cabanillas a Xosé Vázquez Pintor. Alí estivemos os amigos, os da costa e os do interior, para aledarnos con el e testemuñarlle o noso recoñecemento e amizade.
O acto sinxelo e emotivo celebrouse no salón de actos de ExpoSalnés . Houbo intervencións varias: lectura de poemas do homenaxeado por parte de tres alumnas do IES Ramón Cabanillas, onde Pintor impartiu docencia hai un decenio; música de gaita e tamboril, salutación dos libreiros...
Ramón Caride Ogando fixo a semblanza da biografía e obra de Vázquez Pintor.
A Asociación de Libreiros agasollouno cun busto de Ramón Cabanillas, de cerámica de Sargadelos, e varios libros sobre Cambados.
Os outros amigos regalámoslle o libro As caras de Pontevedra no transcurso do xantar que tivemos no restaurante Traíña.
Despois do xantar saímos ao malecón para unha sesión de fotos e algunhas despedidas. Outros aínda estiramos algo máis o día. Amigo Pintor, as tullas rebordan co grao das sementeiras. Nas estivadas fumegaron as borreas que apagaron as suores. Na ferraia había unha promesa de pan abondo. Agora toca acugular as artesas desde a terra que tanto amamos, Agolada. De Cambados quédanos a lembranza da mellor fornada que prepararon os libreiros e os amigos Moncho Caride, Saúl Otero, Emilio Insua, Manuel Busto Magdalena, Miro Galego...

1 comentario:

  1. Quito a pucha e ergo unha cunca de viño espadeiro, que cantou Cabanillas, polo amigo Pintor!

    ResponderEliminar