15 de maio de 2007

NOITE DAS CANDEAS

De todas as ideas que naceron na Asociación Amigos dos Pendellos para dinamizar e revitalizar os Pendellos, unha callou de xeito especial na poboación: A Noite das Candeas, que é o nome con que bautizamos esta celebración. É unha velada-cea na que se empregan os mostradores dos pendellos-expositores como mesas. Arredor delas dispóñense as familias ou grupos para compartir unha cea amenizada por música, contos e chistes. A única iluminación son os antigos candís de gas e as candeas en recipientes de cristal. Iso dálles un ambiente aos pendellos que o flas na foto non é quen de
recoller. A festa remátase cunha queimada.
Celebramos por primeira vez esta Noite coincidindo co II Encontro nos Pendellos. Asistiron numerosos veciños de Agolada e moitos amigos de fóra. A música puxérona Almudena Vidal coa guitarra, A Quenlla (grupo folc), e Bico da Balouta (gaiteiros). Os contos foron de Celso Fernández Sanmartín. Tamén interviron Camilo Camaño Xestido, Paco Lareo, Vázquez Pintor...
O éxito desta Noite pronto se espallou no boca a orella. Na segunda edición a concorrencia foi máis rotunda, pero diso hei falar outro día.

Ningún comentario:

Publicar un comentario