6 de maio de 2007

¿O FARELO OU O GÓLGOTA?

Tardei ata os dezaseis anos en subir ata este cumio omnipresente na xeografía de Agolada. Digo ben, tardei, pois o misterio que albergaba suscitaba nos nenos daquel entón a fantasía e a necesidade de aventurarse na súa escalada. Foi en marzo de 1973. Na compañía de Fidel Torreiro Sarandeses fixemos o treito de asfalto e un quilómetro de camiño na súa pequena Montesa de 50 cc. Encaramos o Farelo pola vertente de Buxán (Ventosa), a máis costenta e probablemente a máis fermosa pola sucesión de formacións graníticas e polas vistas espectaculares. A ascensión foi difícil polo empinado do terreo e pola persistencia das toxeiras que non daban nin un respiro para quitarse as espiñas dos pés. Puidemos beber nas fontes que abrollaban a media ladeira a carón de bidueiros e piñeirais e xa cansos acadamos o Pico, varrido por todos os ventos, coa inmensidade do territorio sometido á visión extasiada dos dous adolescentes. Tiñamos a sensación de estar protagonizando unha gran fazaña, era unha conquista soñada longamente. Disfrutamos dun día inesquecible case coa seguridade de que podiamos rabuñar os nubeiros ocasionais que pasaban sobre as nosas cabezas.
Aquel Farelo xa non existe. Ardeu, queimárono, mancárono, lañárono, desfixérono, roubáronlle a intimidade. Ás veces sinto como se laia. Láise de dor ferido, que antes tiña vida enteira (Rosalía dixit). De todos os males causados, os dos últimos anos danárono seriamente: as canteiras, as pistas, o parque eólico. As tres tarabelas do cumio lembran unha crucifixión. Aquí crucificouse o monte convertido agora nun Gólgota moderno electrificado. Puido evitarse pero ou non se quixo ou non se valorou suficientemente o impacto visual, ecolóxico, xeolóxico, histórico e natural.
O monte perdeu moito do seu primitivo atractivo se ben segue a ser interesante en moitos aspectos. É a mellor atalaia da Galicia central e as vistas desde arriba son unha magnífica lección de xeografía e unha regalía para os ollos.

1 comentario:

  1. Cada vez que paso por aí, imaxino a mesma imaxe bíblica. É curioso que os dous vexamos o mesmo.

    ResponderEliminar