25 de xuño de 2007

AS FESTAS DE SAN PEDRO

A finais desta semana Agolada celebra as súas festas patronais: o San Pedro.
San Pedro é o santo máis honrado no concello de Agolada. Das 24 parroquias, catro teñen por patrón ao primeiro bispo de Roma: Ferreiroa, Merlín, Baíña e Carmoega. E celebran a súa festa grande no mesmo día.
Agolada, a capital municipal, adoptouno da súa parroquia matriz, Ferreiroa. Nos anos 60 e 70 foi unha gran festa, unha marea humana que acugulaba as rúas de alegría e xuventude. Nos finais dos 70 empezou o seu declive e desde entón non voltou ser igual. Algún ano achégase ás mellores épocas, pero acusa o declive demográfico e o cambio de costumes. Mantense minimamente grazas ao aporte dos concellos veciños, que no pasado apenas acudían porque tiñan menos facilidades para se desprazar ca hoxe.
Na foto, supoño que de Magar, pode apreciarse un momento da verbena, preto do cruce. Non se cabía. A xente ía e viña desde a praza á estrada, onde se alternaban as orquestras. E os bares respiraban ocultos nunha néboa de fume e bafo producida pola numerosa clientela.

1 comentario:

  1. Canta nostalxia, non só porque esas imaxes me traen recordos dese povo, senón que pasei moita pena de non poder ir case que nunca, non por ser emigrantes, senón porque non tiña coche e vivía a 50 km., hoxe é o día que vou de vez en cando, par vingarme do tempo e paseo polas rúas de Agolada, quedo moi satisfeito de facer o que a primeiros dos setenta non podía facer ir cando quero a Agolada. Bicos para todos os que coñecín e xa non coñezo.

    ResponderEliminar