O recinto dos Pendellos de Agolada é un microcosmos pensado por e para a celebración da feira, unha das principais da Galicia interior. Trátase do recinto de maiores dimensións de cantos se coñecen na xeografía galega. E posiblemente tamén o máis diverso e de maior número de pendellos, casetas e comedores.
Hoxe quérovos dicir o que é unha caseta almacén. Son casetas pequenas, de propiedade privada para uso do propietario e raras veces para alugar. Nestas casetas o propietario gardaba a besta ou o gando en caso de o necesitar. Gardaba as compras que ía facendo ao longo do día namentres non chegaba a hora de voltar á casa.
Algunhas destas casetas posúen unha rudimentaria lareira para encender o lume e poder cociñar. Tamén hai bastantes que posúen dous andares. Na planta de arriba tiñan un cuarto para durmir. Había feirantes que tiñan que vir de véspera e outros quedaban para marchar ao día seguinte, polo que precisaban dun lugar para durmir.
Os propietarios destas casetas son na súa maioría veciños das parroquias do concello e nalgún caso hainos que pertencen a persoas dos concellos limítrofes (de Rodeiro, Lalín, Antas de Ulla e Palas de Rei, principalmente).
Algunhas casetas, que pertencían a familias ricas, chegaron a ter características de verdadeiras casas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario