11 de xuño de 2007

O MARCO DA CONSTITUCIÓN E A CASA DA AUDIENCIA

A curta historia de Agolada permítenos reconstruír con bastante fidelidade o pasado recente desta vila baseándonos maiormente en referencias orais. Agolada era unha pequena aldea a finais do século XVIII de non máis de catro ou cinco veciños, entre os que estaba o escribán D. Ramón Barrio de Losada. Foi don Ramón Barrio quen xestionou o traslado da feira desde Aián ata Agolada e a feira comezou a celebrarse na encrucillada dos principais camiños da época no ano 1788, por concesión de Real Cédula do rei Carlos IV.
A feira dotouse dos principais servizos: recinto murado, pendellos, capela, comedores, tendas, tabernas, pousadas. E tamén un cuartel-xulgado-cárcere, edificio que noutras vilas feirais se coñece co nome de Casa da Audiencia.
As referencias que obtiven da casa que aparece na foto de arriba, que coñecemos como a casa de Sidorio, e as características da edificación indican o seu uso cuartelario no pasado. Todas as casas de Agolada están edificadas con muros de granito de 60 cms. de grosor, mentres que as desta casa posúen unha anchura de 80 cms. Na planta baixa da esquina noroeste do edificio houbo unha sala fortificada e cunha ventá enreixada (na foto de arriba detrás do marco da Constitución). Neste cárcere estivo ata hai uns 30 anos a cadea que vos amoso na foto inferior, que era a que suxeitaba os grillóns dos presos.

Outra evidencia que testemuña o pasado cuartelario da casa é o edificio que está detrás do marco, que corresponde a unhas cabalerizas con cabida para 15 monturas. As cabalerizas teñen un corredor cuberto que comunica directamente coa porta lateral da Casa da Audiencia. Este corredor é o que mellor permite relacionar Cuartel e cabalerizas.
O Marco da Constitución, o monolito con forma de frecha que aparece na foto , foi chantado para conmemorar a fundación da feira. Está colocado diante das cabalerizas e a carón da Casa da Audiencia, equidistante do recinto do gando e do incipiente espazo dos Pendellos. E na mesma encrucillada dos máis destacados camiños que arribaban á Agolada. Máis que estar, preside a encrucillada.
A Casa da Audiencia era unha institución necesaria nunha vila que concentraba unha grande afluencia de xente no día de feira. A este edificio acudiría circunstancialmente un xuíz, maiormente os días de feira, para dirimir conflitos, pelexas, débedas, asaltos, atracos aos viandantes que acudían á feira, etc.
Lóxicamente precisaba dun corpo de gardas para velar pola orde na feira e nos camiños e para custodiar o cárcere.
O edificio perdeu o seu carácter cuartelario, supoñemos que ao se fundar o cantón militar de Eidián ou ben coa creación dos destacamentos da garda civil en Ventosa e Borraxeiros, a finais do XIX. E pasou a ser unha casa de labregos. Sufriu varias reformas ao longo dos anos, e son moitos os que lembran a fachada toda de pedra, cun amplo corredor ao longo de toda a fachada apoiada sobre airosos canzorros. Á primitiva fachada engadiuselle unha segunda fachada para ampliar a casa, necesitada de cuartos, e suprimiuselle a balconada. A galería de aluminio que loce na actualidade pertence á ultima reforma que levou a cabo o seu actual propietario, Daniel García Quinteiro.

2 comentarios:

  1. Grazas pola gabanza. Eu mesmo resultei sorprendido cos datos que me aportaron diferentes persoas. A historia desta casa aínda está moi viva entre os veciños das casas anexas. E ademais quedan as testemuñas físicas: os muros da casa, as cabalerizas, o Marco da Constitución, a pesadísma cadea dos grillóns, o enreixado do calabozo...
    Casa da Audiencia é un nome bonito para identificala aínda que non se lle tivese chamado ásí. Ao mellor chamábaselle simplemente cuartel.

    ResponderEliminar