A feira dotouse dos principais servizos: recinto murado, pendellos, capela, comedores, tendas, tabernas, pousadas. E tamén un cuartel-xulgado-cárcere, edificio que noutras vilas feirais se coñece co nome de Casa da Audiencia.
As referencias que obtiven da casa que aparece na foto de arriba, que coñecemos como a casa de Sidorio, e as características da edificación indican o seu uso cuartelario no pasado. Todas as casas de Agolada están edificadas con muros de granito de 60 cms. de grosor, mentres que as desta casa posúen unha anchura de 80 cms. Na planta baixa da esquina noroeste do edificio houbo unha sala fortificada e cunha ventá enreixada (na foto de arriba detrás do marco da Constitución). Neste cárcere estivo ata hai uns 30 anos a cadea que vos amoso na foto inferior, que era a que suxeitaba os grillóns dos presos.
O Marco da Constitución, o monolito con forma de frecha que aparece na foto , foi chantado para conmemorar a fundación da feira. Está colocado diante das cabalerizas e a carón da Casa da Audiencia, equidistante do recinto do gando e do incipiente espazo dos Pendellos. E na mesma encrucillada dos máis destacados camiños que arribaban á Agolada. Máis que estar, preside a encrucillada.
Lóxicamente precisaba dun corpo de gardas para velar pola orde na feira e nos camiños e para custodiar o cárcere.
O edificio perdeu o seu carácter cuartelario, supoñemos que ao se fundar o cantón militar de Eidián ou ben coa creación dos destacamentos da garda civil en Ventosa e Borraxeiros, a finais do XIX. E pasou a ser unha casa de labregos. Sufriu varias reformas ao longo dos anos, e son moitos os que lembran a fachada toda de pedra, cun amplo corredor ao longo de toda a fachada apoiada sobre airosos canzorros. Á primitiva fachada engadiuselle unha segunda fachada para ampliar a casa, necesitada de cuartos, e suprimiuselle a balconada. A galería de aluminio que loce na actualidade pertence á ultima reforma que levou a cabo o seu actual propietario, Daniel García Quinteiro.
Vaia rigor. Noraboa
ResponderEliminarGrazas pola gabanza. Eu mesmo resultei sorprendido cos datos que me aportaron diferentes persoas. A historia desta casa aínda está moi viva entre os veciños das casas anexas. E ademais quedan as testemuñas físicas: os muros da casa, as cabalerizas, o Marco da Constitución, a pesadísma cadea dos grillóns, o enreixado do calabozo...
ResponderEliminarCasa da Audiencia é un nome bonito para identificala aínda que non se lle tivese chamado ásí. Ao mellor chamábaselle simplemente cuartel.