6 de xuño de 2007

CHEMINEA NOS PENDELLOS

Hai unha casa no medio dos Pendellos que naceu a carón do Paseo da Parranda, rodeada de tres pendellos expositores. A casa mantívose en bo estado ata 1989. Nese ano sufriu un incendio e desde entón a ruína vai medrando cos invernos. Dos pendellos que a circundaban só un queda en pé.
A casa posúe unha feitura e proporcións que gardan harmonía e escala cos pendellos. E algúns elementos arquitectónicos que a singularizan, tal é a cheminea e a lacena da foto. Na planta baixa conserva tamén as divisións con grandes lousas verticais.
Esta casa non entrou no catálogo de edificacións á hora de executar a compra de construcións de feira por parte da Deputación de Pontevedra. O propietario manifestou desexo de restaurala sempre que puidese darlle máis altura, medida que choca coas directrices de Patrimonio que só permiten restaurar pero non modificar. Iso evidencia a necesidade de voltar ao seu estado orixinal o Paseo da Parranda, que agora ten un pavimento que está entre uns 60 e 80 cms. máis elevado que a rúa primitiva. Se o nivel da rúa volvese ser o que foi este propietario non tería necesidade de darlle máis altura á casa.
Tamén cómpre negociar con este propietario con vistas á compra da totalidade das propiedades ou cando menos lograr a cesión dos pendellos expositores para a súa completa restauración.
É importante non deixar deteriorar máis o edificio. É hora de actuar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario