6 de xuño de 2007

DEBUXO DA PRAZA DO CONCELLO

Os pobos teñen dúas realidades: a física e a espiritual. A física vénlles dada pola xeografía e a actividade humana sobre o territorio. Con ser esta moi importante, hai outra que constitúe a esencia, que se expresa en palabras e en creacións artísticas de todo tipo. Exemplos hai ben coñecidos de como a literatura, a pintura ou a música lles deron realce a realidades físicas preexistentes. Pero tomaron corpo e entidade cando houbo unha pluma que lles dedicou atención ou se viron reflectidas nunha obra plástica ou nunha composición musical. Podo citar tres sinxelos exemplos que ilustran o anterior: o Dolmen de Dombate cobrou renome mercé aos versos de Pondal, Ponteareas ten un referente no pasodobre de Reveriano Soutullo, o Courel non sería o mesmo sen Uxío Novoneyra...
Cando un pobo merece a atención dos creadores, ese pobo devén grande, recoñecido por propios e estraños. Por iso os pobos precisan a atención dos artistas, dos escritores. Cando se escribe sobre unha terra, esa terra cobra entidade no imaxinario popular (quen non se lembra da carballeira de San Xusto? Débello á copla popular que fala da perda da navalla), toma substancia e transfigúrase. Galicia foi outra despois de que os homes da Xeración Nós lle dedicasen os seus esforzos e atencións.
Por iso agradezo cousas coma o debuxo que acompaña esta entrada da autoría de Cuartero, publicado en Xornal Diario hai 16 anos, por ter pintado a nosa praza máis fermosa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario