Onte lía na Voz de Galicia, no suplemento de Cultura, un artigo de José Antonio Ponte Far, a quen coñecín nunha breve conversa o pasado 21 de abril. Quero reproducirvos, traducido ao galego, un fragmento do citado artigo pola coincidencia que amosa coa miña idea, repetidamente expresada neste blog, de resaltar e defender os valores da paisaxe.
Dun tempo a esta parte, para esas horas de lecer ben aproveitado, prefiro a contemplación dunha boa paisaxe. Satisfaime máis contemplar un val fermoso ou a desembocadura amable dun río na mar que a visita organizada a calquera nomeada exposición do que sexa ou o paseo apretado polas rúas dunha cidade turística. O traballo dos anos axúdame a entender o importante papel que a natureza desempeña nas nosas vidas. Equilibrio e serenidade é, entre outras prerrogativas, o que unha paisaxe nos transmite desinteresadamente. Xusto o que máis se necesita. Comparto con Ortega y Gasset a idea de que, na mecánica universal, os montes e os ríos son necesarios; nós, sen embargo, somos unha casualidade. E ás veces, engado eu, casualidade destrutora, se nos atemos ao afán que amosamos en aniquilar, queimando ou contaminando, montes, ríos ou o que faga falta. Ao contemplar, por exemplo, o mosaico colorista que se ofrece aos pés da ermida de San Roque, onde río, mar, montes, prados, barcos e o gris do ceo de Viveiro se mesturan nunha harmonía inigualable, un tense que sentir en paz co que o rodea. E o mesmo ocorre se subimos á Curota do Barbanza, coa ría de Arousa ao fondo, ou aos altos do Eume, co río e a fraga alá abaixo, misteriosos e insondables. Ou a tantos outros lugares de Galicia, por desgracia case sempre ameazados: nos albores do verán, polo lume desaprensivo, e permanentemente, pola avaricia especuladora. Xa se sabe: hai quen, ao pasar polo bosque, só ve leña para o lume.
Neses outros tantos lugares de Galicia moi ben poidera estar a paisaxe da foto: o val de Carmoega visto desde A Feira Nova (Brántega) coas casas da Filgueira en primeiro termo e o monte Carrio como decorado de fondo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario