29 de xuño de 2007

ETNOGRAFÍA NA CASA DE SARANDESES

A casa de Sarandeses de Ferreiroa ten moitos anos de historia. Foi unha das casas fidalgas desta aldea. Aquí casou, en primeiras nupcias, o escribán D. Ramón Barrio de Losada, fundador da feira de Agolada.
O camiño, que sobe desde o río ata a aldea, encontra a casa de Sarandeses á dereita e á esquerda unha finca encostada coa eira, a palleira, o pombal, o hórreo, o pendello e o celeiro. É un tratado de etnografía.
Enlousado da eira e hórreo de catro claros. Pináculos pétreos, un deles coroado cunha cruz metálica.

Quizais o elemento máis singular deste conxunto, pola rareza, sexa o casetiño que se ve ao fondo da eira: o celeiro.
Xa non queda tan ben a columna de formigón e o depósito de auga que hai á dereita. Os depósitos da auga son otro exemplo de feísmo que temos que desterrar desta nosa Galicia, que non soubo darlle xeito á modernidade da auga corrente.
O celeiro era unha dependencia para almacenar o grao despois da malla. Tiña que estar perfectamente preservado da humidade e dos roedores. Para iso a parte baixa do caseto facíase con lousas labradas de granito e rematábase con cachotería. Encintábanse todas as regandixas.

En primeiro termo vemos o tellado da ampla palleira e ao fondo a igrexa parroquial. A liña de árbores que hai detrás da igrexa marca o paso do río Ferreiroa.

Na cima da finca aínda resisten os muros do enorme e fermoso pombal, non así o tellado. Polas cabidas que contén debían de ser centos as pombas que o habitaban.

Detalle dunha das entradas das pombas e o que queda de tellado.

Porta de acceso ao pombal e interior do pombal coas casetiñas dos niños das pombas.

Pendello dos apeiros. Tres muros son de cachotería e o que dá ao frente está formado por grandes lousas verticais. O tellado caeu hai algúns anos á par que os propietarios abandonaban as tarefas agrícolas.
No interior do pendello amontónanse as tellas caídas sobre os ladrairos, as rodas do carro, as grades, a limpadora do grao e a escada...

Ningún comentario:

Publicar un comentario