Téñovos falado noutra ocasión do magnetismo que o monte Farelo exercía nas nosas fantasías aventureiras de cando adolescentes ou mozos. Conquistar a súa cima parecíanos unha meta fermosa, a descuberta dunha óptica diferente sobre o mundo que nos era próximo.
No ano 1976 subiamos este grupo de amigos de Agolada facendo o percorrido a pé desde Agolada. Era un rigoroso día de xullo. A ascensión foi tan traballosa como agradecida.
Eu subía por terceira vez, sempre por itinerarios diferentes. Este terceiro ía moi próximo ao primeiro. Pasamos por Bidueiros, A Pedriña, Buxán, o Coto da Abella, Coto Valtureira, Coto Arrolda, o Coto das Escaleiras, a Pena do Brinco, Currodeguas e Pico do Farelo. Alí á beira saboreamos o xantar, café incluído (había motivos para festexalo).
Na foto estamos Miguel de Carril, Charo de A Coruña, Luís García, Raquel do Mutilado, Angelines Olloqui, de A Rioxa; Eva do Mutilado, eu, Marisa do Óscar e Luís do Mutilado. O que non lembro é quen disparou a foto.
Foi un día de sanísima diversión que gardamos coas mellores lembranzas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario