A Festa dos Coches ou do San Cristovo celébrase en Agolada desde finais dos anos 60 case ininterrumpidamente. Naceu para venerar unha das grandes iconas do século XX: o coche. A finais daquela década xa había bastantes veciños con coche e iso ditinguíaos. Deles naceu a idea de honrar a San Cristovo cunha festa que incluía bendición dos coches, caravana sonora percorrendo as rúas da vila desde a igrexa ata a carballeira, onde se facía unha comida ao aire libre, amenizada con música de gaiteiros. A festa foi collendo corpo e medraba en contido: a sardiñada, os premios para os vehículos mellor engalanados, actuacións pola tarde. Foi memorable a actuación do Mago Antón cando era máis ventrílocuo que mago. El máis Facundo arrincaron as risas dos máis e suscitaron as iras do "antigo réxime" que se resistía a entender aquela mestura de humor e denuncia social. Aquel ano eramos ramistas X. Vázquez Pintor, Nilo García e máis eu. E debémoslle todo o agradecemento ao Mago Antón que veu á nosa festa desinteresadamente, nin siquera permitiu que lle pagásemos o autobús de liña da Gómez de Castro, que o trouxera desde Lugo. Xa na despedida compartimos un café no bar Avenida. E deuse por pagado.
A festa sempre concluía cunha verbena que incluía orquestra. Os primeiros anos a verbena facíase na praza e a mediados dos 80 pasou a celebrarse na propia carballeira. A carballeira tamén rotou de lugar, algún ano foi na carballeira do Santas en Bidueiros, pero a verdadeira carballeira da festa sempre foi a carballeira da Zanquiña, da familia Caldeireiro.
Na foto vemos un fragmento da caravana de vehículos que desfilaba cara a carballeira a mediados dos anos 80. Presidindo a foto vai Carlos de Cabanelas na súa Vespa vermella.
Ningún comentario:
Publicar un comentario