O mércores pasado, o Faro de Vigo recollía nas páxinas locais do Deza información sobre este blog. Non sei por qué canle souberon do AQUAM LATAM, pero o martes recibín unha chamada da periodista Salomé Soutelo na que me requería máis datos. Coinciden co que aparece recollido no texto, agás no asunto da autovía. Para os que non coñezan Agolada é preciso dicirlles que Fomento proxectara a autovía Santiago-Lugo pasando polo territorio de Agolada. Ante as protestas e presións de Melide todo parece indicar que a decisión pasará por alonxala de Agolada e aproximala a Melide. O Ministerio baralla dúas opcións en Melide. A solución norte perxudicaría un espazo protexido na Rede Natura. A solución sur, se é factible, beneficiaría a Melide e perxudicaría menos a Agolada e o Deza. Pois ben, este asunto nunca o tratei no blog, senón a través do correo electrónico con varios membros da comunidade virtual aqualatense.
O titular da prensa fala de curar morriñas, que tamén. Pero un dos principais obxectivos cos que naceu é o de recuperar o orgullo de pertencer a unha terra, da que podemos pensar que por ser rural e do interior é menos relevante que o entorno urbano ou o costeiro. Coñeceredes o dito de que non se ama o que non se coñece. Eu coñecín de verdade Agolada montado nunha bici (mountain-bike) e con ollos escrutadores que ven posibles boas fotografías en cada recanto. Cando as fotos foron bastantes, pensei en catalogar fotográficamente todo o que hai de valor no concello. E nesas sigo. Tamén accedendo aos álbumes de quen mos amosa e mos permite reproducir. E así porque coñezo, tamén amo. Amo esta terra e ese amor é o que me impulsa a colgar na arañeira mundial todos os días un cacheliño de Agolada.
Hoxe pola tarde recibín unha chamada telefónica desde Madrid, do amigo Fidel Torreiro. E volve dicirme do seu parente neoiorquino que traballa na ONU. Cóntame que accede todos os días ao meu blog. E unha curiosidade que lle gustará a Xosé do Falabarato. O seu vídeo sobre a Feira de Agolada foi pasado nun descanso da sala de sesións da ONU, imaxes e son, con admiración dos que permaneceron na sala. O responsable foi o parente deste meu amigo. Agolada na ONU. Isto é unha revolución. Cando menos a min parécemo. ¿Nonsí, Xosé?
Noraboa polo éxito. Aínda que non sexa desde NY, senón na beiramar cantábrica, tamén te lemos a cotío e deleitamos os ollos coas fotos.
ResponderEliminar