8 de xuño de 2007
PAISAXE EN LAXOSA
Desde hai algún tempo son moitas as voces que reivindicamos a paisaxe como un elemento patrimonial de primeiro rango. A actividade humana sobre o territorio nunca tivo tanta capacidade de destruír e de alterar a fisionomía do espazo como na actualidade. Hoxe podemos aburatar montañas, aplanar outeiros, fender montes con enormes ribadas, cambiar cursos de ríos, comerlle terreo ao mar... E todo con facilidade, en pouco tempo, coa forza hidráulica das poderosas máquinas escavadoras.
Son tantas as agresións que ten sufrido a paisaxe que cómpre alertar á cidadanía dos valores que estamos a perder e da conveniencia de preservar o que queda. E de recuperar outras zonas alteradas. Porque tamén é certo que a mesma capacidade destrutiva que posuímos pode volverse construtiva. Os medios son inxentes e poderosos.
Levamos un ritmo que tende a non deixar un anaco de monte ou bosque (nótese a diferenza dos dous conceptos) sen que estea cruzado de múltiples pistas, estradas, camiños, canteiras, vertedoiros.. A onde conduce isto?
Algunhas zonas contan con paisaxes singulares, sempre alonxadas da actividade humana. Unhas veces as paisaxes ampáranse nunha orografía espectacular, na presenza dun río que debuxa meandros e canóns, acollido por un frondoso bosque de galería. Outras veces é a sucesión de pradeiras, valados e árbores os que valorizan unha paisaxe. Tamén os montes e as formacións rochosas. Disto último é do que máis abunda en Agolada. A calidade das nosas paisaxes ten que fundarse na harmonía, na pureza (enxebreza), na perfecta ordenación do territorio, nos valores etnográficos, na ausencia de elementos estraños, na abundancia de vexetación, especialmente a autóctona, na formación de auténticos bosques mixtos ou prepoderantes de carballo, bidueiros e castiñeiros. U-los soutos e carballeiras? U-los biduedos?
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Xustamente dende hai algún tempo se fala da arqueloxía da paisaxe e incluso simplemente do valor patrimonial da paisaxe. Agrado que sexa algo máis que unha moda dos intelectuais universitarios.
ResponderEliminarEn Lourizán dábase unha asignatura que se chamaba "Arquitectura da paisaxe" pero para min facia un análise frio e obviaba o romanticismo que pode ter calquera paisaxe
ResponderEliminar