Agardo que non se me enfaden os veciños de San Paio de Bais pois esta é a primeira entrada que lle dedico á súa parroquia. Trátase dunha parroquia pequena en extensión e pouco poboada. Tan só catro aldeas: San Paio (A Igrexa), Casas Novas, Cacharenzo e Costela. Á parte da igrexa poucas edificacións hai de relevo. A arquitectura popular sufriu o mesmo deterioro que noutras aldeas (véxase o hórreo desmontado da foto pequena). Por ser esta unha zona de transición do granito aos esquistos, as construcións combinan os recercos de portas e ventás en granito e os paramentos mesturan a cachotería granítica coa esquistosa.
Esta parroquia celebra as festas do San Paio (o 26 de xuño) e as festas da Ascensión en maio.
Goza de merecida sona de parroquia produtora de boas cereixas e boas castañas.
Son lindeiras con San Paio: Santa Comba, Merlín, Borraxeiros, Artoño e Órrea.
Ningún comentario:
Publicar un comentario