13 de xullo de 2007

ALGÚNS RETRATOS DE TON VON VLIET

Ton, na súa estadía en Agolada, tamén percorreu as terras veciñas, fundamentalmente O Castelo, Muimenta, O Corpiño, os tres de Lalín; algo de Camba, o Monte do Faro, Santiago,etc. Froito desas súas saídas son estes dous retratos cargados de forza e simbolismo.
A señora de arriba, veciña de Muimenta en 1980, alberga debaixo da pañoleta e da palla sombreira dous azabaches de melancolía e resignación, rodeados dunha estivada de pel asucada que se ofrece coma restreba co estoicismo labrego de quen viviu épocas difíciles e traballos denodados.
Un sorriso e un nariz durante o xantar, sentados no remolque dun tractor na romaría do Faro. O orgullo e a complacencia no semblante e nos ollos o interrogante de a onde irá parar esta foto que el non pediu. A pel gravada por millenta raxeiras e coriscos, embutida en camisa branca e chaqueta romeira. Hoxe toca honrar á Santa no Faro como é tradición. Canto di sen falar! E non di menos o que permanece en segundo plano amparado na sombra do pucho das festas e o bocado na man.

Ningún comentario:

Publicar un comentario