15 de xullo de 2007

VERDES CAMPOS

Toda Galicia é un verxel cando lle dispensamos os mínimos coidados. Na imaxe de Río de Rodeiro vemos un campo recén segado enmarcado por unha vizosa arboreda. Un ceo tricolor de brancos, grises e azuis completan a vista. Non se precisa máis nada para acadar a excelencia paisaxística.
Pero desgraciadamente a realidade é moi diferente. A foto non nos permite ver que debaixo desta arboreda crecen a discreción as matogueiras que ninguén limpa porque o rural quedou sen xente e porque os poucos propietarios que quedan non obteñen rendibilidade con esta tarefa. E porque o bosque non está organizado e racionalizado. O sotobosque é unha maraña, unha bomba incendiaria, unha metáfora da Galicia campesiña. Non hai tanto tempo que podiamos ver os campos limpos, as chousas rozadas, os comareiros rasurados, as árbores coidadas...
A realidade é moi diferente. Quedan paisaxes fermosas a pesar das múltiples agresións que recibe o territorio, cada vez máis frecuentes. Agora que falan de educar á cidadanía, creo que é hora de educar aos nenos e aos adultos para que comprendan os valores da paisaxe e as características que posúen.
É necesario alertar das consecuencias negativas que vai traer este abandono alarmante que se está a dar na Galicia interior.
"A xeito de SOS falo madrugada.." Celso Emilio Ferreiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario