16 de xullo de 2007

OS PENDELLOS DE RÍO (RODEIRO)

En Río (Rodeiro) celebrouse a feira máis importante do Val de Camba. E contaban cun recinto de pendellos xeitoso e moi semellante en características ao de Agolada, que non en dimensións.
A feira aínda se mantén, moi mermada, na actualidade. Desde o concello téñense adoptado algunhas iniciativas para revitalizar a feira: un concurso de raza rubia, a Festa da Fartura , exposicións de maquinaria...

Río é un núcleo pequeno con amplos espazos para desenrolar o urbanismo. Sen embargo sucedeu o mesmo que en Agolada: tiraron pendellos para construír casas ou galpóns.
No recinto houbo tamén tres tipos de pendellos: casetas-almacén, comedores e pendellos-expositores, estes últimos os máis chamativos.

No concello de Rodeiro xa hai tempo que teñen trazadas e sinalizadas rutas de sendeirismo. Esta dos Muíños e dos Pazos pasa por Río e destaca os pendellos como un motivo etnográfico singular.
¿Por que en Agolada non se ten feito algo parecido? Desde a Asociación Amigos dos Pendellos xa o temos indicado e demandado. Xa se ve que non sempre cómpre imaxinación, basta coa imitación daqueles modelos que se consideren interesantes.



Ningún comentario:

Publicar un comentario