22 de xullo de 2007

CORREO DE GONZALO DE TRABANCAS

Hoxe acabo de recibir un correo que creo que merece a pena publicar neste blog. O veciño e amigo Gonzalo Barrio apórtame algunhas opinións relativas a anteriores entradas aquí publicadas. Por positivas e porque aportan ideas construtivas concédolles o relevo que merecen.
Magnífica a foto da Igrexa en construción. Con poucos medios e vontade de facer, co liderado socio-relixioso de D.Luís, e nunha situación onde non había moito máis para onde mirar que non fose o ceo, déronse as condicións necesarias para facer unha obra, que a pesar do escaso valor artístico si ten un valor simbólico moi forte para todos nós. Para min a Igrexa de Agolada é tan ou máis sagrada ca Igrexa do Vaticano de Roma ou ca Catedral de Santiago. Ningún lugar do mundo é para min tan sagrado como a nosa Igrexa. Polo demais, creo que sería de xustiza recoñecer que ademais do liderado de D. Luís, e da suor e aportacións das familias, houbo un claro liderado técnico de Vicente Torreiro. Sempre tiven en aprecio a Vicente: traballador, discreto, concienzudo . Foi o home-mestre de obras que nunha época pobre do noso pobo fixo algunhas casas e reformas que deron algo de pulo a aquela Agolada con xente e sen casas, ao revés do día de hoxe: con casas pero sen xente.
Este fin de semana tiven unha felicitación inesperada en Agolada. Como sabedes fixeron unha votación na Voz de Galicia sobre as 7 marabillas galegas, en paralelo coas 7 marabillas do mundo. Eu participei na votación, puxen coma moitos a Praia das Catedrais, etc.., e como non ¡Os pendellos de Agolada!. A miña sorpresa negativa é que me parece que fun o único. Se os que somos membros da Asociación non votamos en favor do noso ¿quen o vai a facer? Con 200 mails temos a oportunidade de adquirir certa notoriedade para Agolada (por moi baixo coste).Creo que os de Agolada debéramos facer unha votación masiva na Voz en favor dos nosos pendellos, para que así viñeran a comprobar que son verdade, que existen, e que existe unha vila que se chama Agolada que forma parte da Historia Económica de Galicia, como sede dun dos mercados populares máis antigos de Galicia e de España, que ademais se conserva aceptablemente. Ti que es "in pectore" o cronista oficial da vila poderías deseñar un percorrido polos Pendellos , de modo que un neno da escola poidera mostrar con certa riqueza de datos, Os Pendellos aos visitantes. Ao mellor incluso se ganaban algunha propiniña. E os visitantes sentiríanse atendidos. E unha suxestión. A tipoloxía de pendellos xa a tes moi traballada ¡ánimo!. Por último Manolo dicirche que coincido plenamente co meu admirado Rainer María Rilke, grande entre os grandes poetas, cando dixo " a Patria do home, é a sua infancia". Por iso non podo evitar por moito que viaxe ou viaxara no pasado polo mundo, que a miña, a nosa patria sexa Agolada. Espero que saibas desculpar este exceso dominical pero agora teño na casa de Tomiño internet wireless, e estou como un rapaz con zapatos novos.
O día primeiro de Agosto empezo as miñas vacacións na capital do mundo: non é Marbella, nin Palma de Mallorca, nin Sanxenxo, nin Mónaco. Para os que nacemos en terra de lobos, nada coma un Agosto cunha mantiña para durmir, nada coma o verán de Agolada.
Forte abrazo, Gonzalo de Trabancas. Obrigado. (Gonzalo Barrio García)
As fotos son do arquivo de Xosé Galego Iglesias. Recollen unha cerimonia co Sr. Bispo de Lugo, D. Antonio Ona de Echave e a de abaixo, o altar recén estreado.

2 comentarios:

  1. concordo coa cita de rilke cando di que a patria do home é a súa infancia. nesa frase vai todo un mundo, somos terra, memoria e emocións; e boa parte diso técese no forno dos primeiros anos; no meu caso, na salitre da ría de vigo, no barquiño de pesca dos meus pais, no ceo ateigado de estrelas, no aire fresco da noite, nos contos dos meus avós, nas mans da miña nai... grazas a todo iso chantamos as raíces moi fondas e podemos percorrer moitos mundos.
    non creo que haxa mellor xeito de sentirse cidadán universal que a través da pequeña xaneliña do que somos, da aldea minúscula e enorme da vida, do traballo e dos soños.
    esa frase fíxome lembrar todo isto.
    unha aperta, manolo

    ResponderEliminar
  2. Faise referencia a votar polos pendellos como unha das maravillas de galiza, estiven a buscar na páxina da voz e non o atopo, deixade aquí máis señas de onde facelo, e dende logo que se lle dará un pulo.

    Saudos.

    Naveiro.

    ResponderEliminar