31 de xullo de 2007

GALEGO, D. MANUEL E NILO VILAR

Conseguín esta foto do arquivo de Manuel Galego Iglesias por medio da súa filla Inmaculada Galego Vázquez, bibliotecaria do Concello de Agolada, quen puxo á miña disposición o amplo surtido de álbumes familiares. Neses álbumes están varias imaxes entrañables do pasado recente de Agolada.
A xentileza de quen deixa reproducir as fotos particulares é digna de encomio. Por iso quero deixar constancia escrita do meu agradecemento por compartir connosco estes fragmentos gráficos que nos retrotraen a un pasado de felices lembranzas, a Inmaculada e aos demais que me cederon magnanimamente os seus arquivos.
Na foto de hoxe, sacada diante do bar do Lousa, de esquerda á dereita aparecen Manuel Galego Iglesias, D. Manuel, párroco de Agolada desde 1963 (non lembro os seus apelidos nin sei onde está na actualidade) e Nilo Vilar Armas, veciño de Agolada, amigo, que aparece recén ordenado sacerdote a mediados dos 60. Quero mandarlle a Nilo unha aperta desde a súa Agolada natal ata o concello de Pol (Lugo) onde rexenta unha parroquia desde hai bastantes anos. Sei da súa saúde fráxil e coa publicación desta entrada quero testemuñarlle o meu afecto e desexarlle unha completa recuperación.

1 comentario:

  1. Saúde para Nilo. Foi Padre Espiritual meu no Seminario, aínda que sen moito éxito (pola miña culpa, claro).
    José Luis Sucasas.

    ResponderEliminar