4 de xullo de 2007

O INDALECIO

Nestas primeiras romarías do ano lémbrome do Indalecio de Trascastro, que non rebordaba en estatura os cento sesenta centímetros, tallados por un chapeu escuro. Falaba con ceceo e paragoxe (zube, ci, eue). Vivía nunha casarella de As Trabancas, coa súa Ramona, que era gordecha e mandaba nel con discreción e certo sentido do abuso: "Indalecio, vámonos" -dicíalle á vista da xente-. E el cedía. Houbo quen quixo axexalos no seu cuarto de amor, ora a ver como se apañaba o vello fogueteiro para botar un fogo de verdade. Nunca foi posible.
O Indalecio foi viaxeiro de a pé, andou todas as festas do corazón de Galicia. Onde había un gaiteiro ou unha banda de música alí estaba na madrugada. "Seica vés de fogueteiro, Indalecio". "Poiz veño, ci ceñor". E dábanlle os feixes das bombas, que el sabía coller contra o seu peito. Case de súpeto estralaban no aire, consumidas por unha mecha barroca. Para botar as correspondentes á misa maior, compúñase dun xeito especial: amosaba o chaleque, coa cadea do reloxio cubano, e unha enorme sortella de prata, no cimo dos valados. Presumía de que as súas bombas subían dereitas.
Unha vez, en Lugo, escoitei nunha barbería da Porta de Santiago, a conversa entre dous botarates, que se chufaban en quen botaba máis canas ao aire. A piques estiven de entrar eu na poxa, en favor do meu fogueteiro. Pero calei.
Nas romarías de antes había pirotécnicos ilustres, que traían consigo as ruedas, nas que se queimaban os homes de cartón: pequenas parellas de pallasos ou xente sen nada.
Xosé Vázquez Pintor.
O artigo anterior foi publicado hai anos na Voz de Galicia. Na foto aparece Indalecio en primeiro termo con gabardina branca. Detrás del, de esquerda a dereita: Ramiro de Antonio, Pepe da Carmela, Pintor (porta o sombreiro do Indalecio) e Toño do Buxán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario