Entre as miñas aportacións á Asociación Amigos dos Pendellos figuran varias proxeccións multimedia nas que pretendo divulgar o patrimonio agoladés e recrear o pasado histórico e prehistórico deste concello.
Na última proxección, exposta hai tres días, elaborada co gallo da Mostra de Artesanía e a Feira Medieval, recreaba a arquitectura dos Pendellos no pasado e a aquela aldea que era Agolada a principios do século XX. Apelando ao valor "dunha imaxe mellor ca mil palabras", a un programa de retoque fotográfico e ás múltiples referencias orais que puiden recoller nos últimos anos, creei esa aldea idealizada arredor de 1910 (foto superior), baseándome na foto aérea de abaixo, de 1973, feita pola empresa madrileña Paisajes Españoles.
A esa aldea de Agolada en 1910, encrucillada importante de camiños arribaban o que procedía da ponte medieval de Vilariño, o que procedía de Brántega desde as pontes de Carmoega e Toiriz. Enlazaba antes de entrar en Agolada (no Sinal dos Romeos) co que viña da Ponte da Cornella pasando por Berredo Artoño e Borraxeiros. Outro proviña das terras de Facha e Couso. Completaban o conxunto viario o que ía á Ponte Mercede, á Ponte de Pedroso por Ventosa e Axiaz e o que ía á Ponte dos Cabalos pasando por Ferreiroa. En total partían desta aldea sete camiños reais. Esa situación estratéxica nos camiños explica o nacemento desta aldea con establecementos para atender aos camiñantes (o primeiro edificio do que se ten noticia era unha pousada-cantina) e tamén acredita a lóxica de establecer neste lugar de paso a Feira do 12. En 1920 inaugurouse a estrada que partía desde Lalín cara a Lugo e cruzaba por Agolada. Foi o segundo gran revulsivo para o despegue desta aldea, que remataría por se converter na capital do municipio, que curiosamente xa levaba o seu nome desde 1833.
Nese ano arbitrario de 1910 Agolada estaba formada por menos de quince casas e o resto das construcións eran Os Pendellos. Darredor da aldea estaban as campas da feira, as terras de labor, os pasteiros e o bosque.
Curioso o cambio que deu Agolada.
ResponderEliminarTeñen que facerche fillo predilecto da vila polo traballo e o tempo que adicas a este blogo que ten muito de persoal polo cariño que lle pós.
Un saúdo.
"MANDA CARALLO" DIRIA UN PAISANO, DE DONDE SACACHES ESA FOTO.
ResponderEliminarINDA TEN VEN TRABALLO DE RETOQUE.
ENHORABOA.
FIDEL