12 de agosto de 2007

LEMBRANZA DE JAVIER BARRIO

Hoxe foi feira grande en Agolada. A data é moi sinalada: agosto, vacacións, domingo. E por riba bo tempo, anque pouco sol. Acudiron numerosos visitantes, que son outra clase de feirantes que só veñen ver, comprar ou xantar. Pero un día así é unha alegría, as rúas énchense de vida, de conversas, de saúdos, de apertas, de reencontros. Esgotouse o pan e os pulpeiros sufriron apuros ante as ringleiras interminables dos que gorentaban o preciado cefalópodo.
Hoxe tiven ocasión de falar con algúns coñecidos que vexo de tarde en tarde. Falamos do intranscendente e algo do substancial, tamén do blog, da alegría de vivir Agolada desde a distancia, de descubrir lugares e persoas. Preguntábanme polas horas que lle dedico e o polo xerme desta idea. Dei respostas sinxelas que quero matizar desde aquí.
Din que os blogs son cadernos persoais. Hai quen fala de si, do que lle acontece, do que pensa, do que sente. Ese sería un blog persoal total. Non é o meu caso, eu centrei o blog en Agolada, aporto máis información que opinión, uso unha linguaxe expositiva e pouco argumentativa. Expoño as cuestións desde o plano persoal. Sería o meu un blog persoal descafeinado. É o bo que teñen estes cadernos, que cada un de nós aportamos visións diferentes do mundo.
O xermolo da idea naceu das miñas afeccións: o patrimonio, a bicicleta, a fotografía, a literatura... E da necesidade de compartir as miñas inquedanzas, arelas, ideas, descubertas...
Con esta entrada acompaño unha foto do arquivo de Ton von Vliet. Nela aparece Javier Barrio, veciño de Agolada, que mora agora por terras de Chantada. Eu a Javier sempre o saudaba mais poucas veces teño mantido unha conversa con el. El era calado de seu, lección aprendida nas longas camiñadas de arrieiro solitario repartindo viño co seu vello cabalo. Dinme os que o coñecían ben que é unha fonte de información sobre a historia recente de Agolada, que sabe das familias, das casas, dos camiños. Na imaxe aparece recollendo herba para o seu vello cabalo, que acabou os seus días cruelmente carbonizado cando unha noite ardeu a casa na que tiña a corte, no medio dos Pendellos.

2 comentarios:

  1. este post semella escrito para min porque levo tempo (bueno, dende que cheguei aquí por primeira vez) preguntandome como é que, na marea de blogs e bitácoras que hai no blogomillo, xurdiu unha alfaia coma este teu blog. Grazas pola explicación!

    ResponderEliminar
  2. Débora, afáganmme as túas palabras, expresadas desde a imparcialidade da distancia e do feito de non nos coñecer persoalmente. Co regalo das túas palabras acreditas a túa bondade, pois non corren tempos onde abonden as loanzas do alleo.
    Alédame saber que hai quen atopa interese no que ofrezo.
    Moitas grazas e otras tantas apertas.

    ResponderEliminar