É unha pontella de seis peares unidos por laxes graníticas rectangulares, das cales xa caeron ao río catro. Ten uns doce metros de longo por dous de anchura. Nunca tivo peitoril ou varanda. Visiteina onte 30 de agosto por primeira vez, o río leva pouco caudal e a auga estaba a menos dun metro da plataforma da ponte. Segundo me contaron os veciños de Gurgueiro cando chove forte, non fai falla que haxa unha enchente, o río pasa por riba da ponte. Hai preto de trinta anos que se deixou de usar. Na actualidade hai a Ponte Nova do Porto trescentos metros río abaixo, que dá paso a estrada que une Ventosa con Carballeda.
A uns dous quilómetros e pico, río abaixo está a Ponte dos Cabalos, medieval do ano 970. Esta era a ponte que se usaba antano cando a Ponte do Porto quedaba asolagada ou cando unha xugada de vacas non quería cruzar a pontella que as asustaba dada a escasa anchura, a asusencia de varanda e a proximidade da auga.
Para acceder á Ponte, aventura que algúns veciños me dicían tarefa imposible, tiven que descender polo antigo camiño e abandonalo para ir por chousas de monte, pois aquel está impracticable pola lama, as silvas, ortigas, toxos e vexetación de todo tipo. Finalmente dei con ela, cousa que evidencian as fotos.
Xa en entradas anteriores pedía a plena restauración dos tramos de camiños antigos, que non son moitos e son patrimonio público. Tamén o pido para este camiño así como para a ponte. Só é necesario recolocar catro grandes lousas que xacen no fondo do río.
Tamén sería importante encontrar outra maneira de restaurar os camiños que non sexa a de pasar paleadoras arrasando con todo. Debera ser unha restauración respectuosa cos valados, coa vexetación das marxes, coas pedras da plataforma. Creo que coa limpeza da maleza, saneamento da auga, recheo con xabre onde haxa pozas e sinalización con indicadores de madeira podería ser suficiente.
Sabía da existencia desta ponte e con dificultade accedín a ela despois dun primeiro intento desde a Ponte Nova hai case vinte anos. Sería pola historia que alberga ou polo encanto do lugar, sentín unha lixeira emoción ao vela e comprobar que pese ao abandono e aos efectos do tempo, segue aí, olvidada e case inaccesible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario