O pasado sábado 15 de setembro celebrouse en Agolada a II Festa da Randulfa, dedicada á música tradicional. O acto foi convocado e organizado pola agrupación musical e cultural Bico da Balouta. O programa era extenso e atractivo con actuacións desde o mediodía ata a medianoite.
A festa leva o nome da praciña dos Pendellos que acolleu aos músicos e ao escaso público. A praciña débelle o nome ao escritor Xosé Vázquez Pintor, quen creu denominala así para honrar a unha vendedora da Ulloa que expoñía a súa mercadoría nun pendello expositor desta praza.
Mingos de Axóuxere de Melide, á parte de excelente músico e gran promotor da música de gaita, puxo o dedo na chaga. Foi unha festa plena de música e de músicos pero eivada pola pobre resposta do público.
Que sucede en Agolada que ignora ou rexeita os reiterados produtos culturais que ofrecemos Bico da Balouta e Amigos dos Pendellos? U-lo o Concello, alcalde e concelleiros? Só para financiar?
Admírame a firmeza e dedicación destes axentes culturais que enriquecen a unha sociedade desagradecida que lles vira as costas mentres gasta o seu tempo no hedonismo gástrico e no desprezo ao esforzo altruísta dos alleos.
Pois eu fun, e non só porque fun tocar (de feito saio nunha das fotos por aí) se non polo que significa un acto destos. Unha gran mágoa que a xente non se anime a ir...
ResponderEliminarNótase que estás molesto e con razón. A cultura aos políticos só lles interesa para os informes anuais; de lles interesar quizaisnon foran políticos, desgraciadamente. Hai que ver a altura cultural ou intelectual dunha boa parte deles... É tirarlle margaridas aos porcos.
ResponderEliminarNo caso da escasa afluencia de público en xeral aos actos de Agolada non é doada de entender. Por unha banda, creo que arrastran unha desconfiante rémora do pasado que os lastra; por outra, sempre pensei que lles falta o sentido de colectividade que hai en case todas as parroquias do concello. Ao mellor esta é a clave: Agolada non é unha parroquia, é unha aldea de Ferreiroa, convertida recentemente en capital municipal. E eu non vexo ese sentimento de pertenza a un territorio e integrantes dunha colectividade superior que se observa nas parrouias.
De todas maneiras, que non cunda o desánimo, por favor.