Estes días en Cangas do Morrazo réndeselle unha xusta homenaxe ao poeta e amigo Bernardino Graña. Obrigas de diferente tipo impedíronme estar presente neste acto ao que me houbese gustado asistir. Hai tres anos el estivo presente naquel luminoso e frío 14 de novembro no que renderamos homenaxe aos representantes do galego estremeiro nos Pendellos de Agolada.
A súa intervención durante a sobremesa no restaurante Agolada foi a máis emotiva do día, a máis apaixoada e sentida, a voz crebada pola convalecencia e o lume do compromiso aceso na mirada.
Onte mandeille unha mensaxe para o acto de hoxe en nome da Asociación á que pertenzo:
Moito sentimos non poder acompañarte nesta homenaxe merecida para un home que quixo vivir, que ergueu un himno verde á Terra e foi profeta do mar. O vento que vén do Farelo pola chaira aqualatense díxonos cousas que sí estaban nos libros: estabamos todos xuntos, outra vez, os amigos.
Neste setembro de luz vimos para che contar que demos cun sol sen solpores, cun camiño que conduce á herba nova que medra á carón do Arnego, que baixa cunha enchente de apertas e agarimos. Todas para ti, noso amigo: Bernardino.
AMIGOS DOS PENDELLOS.
Agolada, setembro de 2007
Neste setembro de luz vimos para che contar que demos cun sol sen solpores, cun camiño que conduce á herba nova que medra á carón do Arnego, que baixa cunha enchente de apertas e agarimos. Todas para ti, noso amigo: Bernardino.
AMIGOS DOS PENDELLOS.
Agolada, setembro de 2007
Recollo aquí un poema seu, que é outra maneira de lle render homenaxe:
O vento díxome cousas
Que non atopo nos libros.
Resoaba a súa voz no mundo
igual que un soño perdido.
E o mar buscaba unha aperta,
Buscaba un peito ou un niño,
E non atopaba nada
Senón penedos espidos.
Recordo que era Nadal
E eu bebía moito viño.
Estabamos todos xuntos,
Os anxos meus, os amigos...
O vento e o mar berraban
Coma cans adoecidos.
E nós calados, fumando,
Bebendo, mirando fixos,
Por se chegaba algún día
Un forasteiro ou escrito
Que nos dixese que existe
Máis alá de todo un brillo,
Un sol que non ten solpores,
Nin vacas tristes, nin grilos.
Estabamos todos xuntos,
No meu silencio metidos,
Querendo que nos chegara
Algo estraño, de outro signo
Que nos sacara cal gando
E nos mostrar o camiño
Para pacer herba nova
E choutar noutros eixidos.
É un poema precioso
ResponderEliminar