27 de setembro de 2007

PIÑEIROS E EUCALIPTOS

Piñeiros e eucaliptos son árbores alóctonas que se propagaron polo territorio galego con desigual presenza.
Non sei moi ben as razóns pero aos piñeiros téñolles máis devoción que aos eucaliptos, dos que non me gusta a súa estética, o seu porte desgarbado, nin a súa soberbia vertical. Tampouco me gusta o que din os informes que falan de que empobrecen o chan nin o afán colonizador e invasor desta especie.
Pero hoxe quero falar da estética das árbores, roubada en fragmentos. E na foto superior quero destacar os gromos tenros dun piñeiro noviño que locen amarelos na espesura verde do arume.
Na base destes piñeiros hai uns arbustos de eucalipto que forman unha matogueira que na pasada primavera rubeaban establecendo un fermoso contraste cromático no monte que rodea o castro Marcelín.
Dixen que non me gustan os eucaliptos, pero cando locen galanos non son quen de negarlles os seus méritos.

3 comentarios:

  1. Neste pasado verán levoume O noso amigo Paco Lareo ata a xunta dos ríos Ulla é Deza polas terras de Gres. Foi un tempo dourado de conversa polo interés do lugar en canto a que parte da súa obra de teatro "o camiño de volta" ten como fondo ese esceario, aparte doutras mil e unha batalliñas da súa mocedade. Pero unha das cousas máis sorprendentes foi contemplar como as vellas vides da ribeira do río aparruñaban polos eucaplitos, na procura dunha baloira que lle servíse de guía. Calquer día destes , con máis sosego, colgareinas.
    Unha aperta de pino canario.

    ResponderEliminar
  2. Eu son anti-eucaliptos pero teño que recoñecer que cromáticamente na foto quedan ben.

    ResponderEliminar
  3. Teño un amigo que di que os eucaliptos son árbores tan estúpidas que non dan nin sombra.
    Hai centos de especies de eucaliptos pero parece que nos tocou unha das piores que nin alimenta os koalas.
    En Tenerife só mirei uns eucaliptos na montaña perto de La Laguna e eran raquíticas polo frío e a altura pero fermosos.

    ResponderEliminar