Na parroquia de San Cibrao de Sesto consérvase esta casona que oculta os restos da antiga torre-fortaleza que controlaba os territorios próximos ao Ulla.
A natureza dos seus muros, feitos de cachotería de esquistos con esquinais e recercos de vans en perpiaño granítico, motivou que aparecese ameaza de derrubamento do edificio. Iso conduciu a suprimir o segundo andar do edificio restándolle altura e prestancia á construción.
Destacan no edificio a anchura dos muros, a escaleira con patín na fachada de poñente, a porta da fachada leste resolta cun arco de grandes dovelas, a cornixa corrida con perfil en caveto percorrendo tres fachadas da casa.
Esta porta da fachada norte está recercada con perpiaño de granito e presenta moldura rebaixada en bisel.
Na fachada norte pode apreciarse un sólido contraforte que quixo nun primeiro momento coutar as fendas que ameazaban a consistencia do edificio. Pouco despois da Guerra Civil procedeuse a tirar a planta alta para descargar os muros.
No desmantelamento do segundo andar foi apeado o brasón que lucía nos seus muros. As armas poideran facer alusión aos apelidos GIL e VARELA.
Na liñaxe do edificio aparece a casa de Camba en Rodeiro, o Pazo de Vilar de Ferreiros en Santiso, a casa de San Lorenzo de Vilatuxe e o Pazo de Soutolongo en Lalín.
Entre os posuidores da torre dos catro ventos (de planta cadrada) aparece Álvaro Rodríguez de Sotomayor, cuxa filla María foi a muller do infante Enrique Enríquez de Guzmán, tío do rei Fernando V, o Católico. A outra filla, Catalina, herdou o Pazo de Vilar de Ferreiros.
(O debuxo do escudo aparece no Inventario de Pazos e Torres de A Estrada, Deza e Camba).
A pesares do paso do tempo e dos cambios introducidos o edificio conserva bastante da sua beleza.
ResponderEliminarDa Golada tiñas que ser, meu. Apampado e marabillado estou do teu coñecemento do medio. Orgulo da terra que te viu nascer.
ResponderEliminar¡Vivir para saber!
Maria e Catalina que citas foron fillas de Suero Gomez de Sotomayor, non de Alvaro Rodríguez de Sotomayor.
ResponderEliminar