11 de setembro de 2007

XANTAR CAMPESTRE NO CARME DE ESPERANTE

A finais dos anos 50, tres familias d'Agolada, as da foto, cumprían coa tradición do xantar campestre na festa do Carme de Esperante. A familia do Caldeireiro, a do Sidorio e a de Urbano. Saíase de Agolada ou de calquera aldea dos arredores unha ou dúas horas antes do mediodía. Media hora de camiño a pé polo antigo camiño real ou pola estrada, coas cestas da comida na cabeza, ben surtidas. Logo acudíase á misa na igrexa parroquial e a continuación escoitábase a música na carballeira. Os da parroquia ían xantar ás casas seguidos dos seus festeiros e dalgún músico que os ramistas lles achegaban. Os demais xantaban na sombra da carballeira, sentados no chan, cos manteis estendidos na fresca mesa da herba mol. A comida andaba en roda entre risas e bromas e conversas distendidas. Viño, doces, cafés e licores. E unha foto para deixar constancia para a historia.
Foto do arquivo de José García Piñeiro, Pepe do Caldeireiro.

1 comentario:

  1. Sempre me chamou a atención a cantidade de xantares de carballeira en Agolada: o Carme de Esperante e a Saleta, que aí está, debían ser dos máis famosos e dos que atraían a máis xente dende lugares ben dispares. Sempre lle oín dicir a miña nai que lembra a ringleira de mulleres con cestas na cabeza -as mulleres en Galicia sempre levaron de todo na cabeza- polo Alto de Corres camiño das Trabancas.
    Agora tamén hai estas festas pero dáme a sensanción de que lles falta algo.

    ResponderEliminar