Pena Maior ergue o seu vértice entre as parroquias de Santa Comba e Órrea. Pola cara norte deste curuto baixaba o antigo camiño que conducía desde O Valadoiro ata Carromao. No primeiro tramo o camiño é moi empinado e desemboca a media ladeira nunha camposa case chaira que recibe desde antigo o microtopónimo de Campo da Moza. Segundo puiden recoller, o nome do lugar rememora a dramática historia dunha moza que foi devorada polos lobos. O feito debeu de ocorrer hai moitos anos pois ninguén lembra a data, nin saben dicir a parroquia natal da moza.
No medio da camposa medra un rexo carballo cunha ampla copa que reparte a súas sombras entre o camiño e unha antiga estivada. Semella talmente un monumento que a natureza quixese erguer en memoria daquela desgrazada moza.Os mesmos veciños informadores expresaron unha queixa porque o propietario do campo verde da imaxe se apropiou dun tramo de camiño que atravesaba a finca, polo que deixou cego o camiño que citei anteriormente.
Ao verme coa cámara de fotos e quizais porque saben que pertenzo a unha asociación que traballa a prol do patrimonio, dirixíanse a min coma se tivese autoridade para resolverlles o problema. Por máis que lles dicía que o Concello era o mellor destinatario das súas demandas, insistían en que era unha cuestión que me competía. No defecto de outras medidas, ofrézolles esta páxina como escaparate para que os que nos visitades coñezades que hai cacicadas en Órrea capaces de roubar tramos de camiños. ¿Haberá moitos ladróns de camiños no noso país?
Debo facer constar que eu unicamente podo constatar que o camiño está cegado pero descoñezo as razóns e tamén descoñezo se o propietario do prado tiña permiso para apropiarse do dominio público. Limítome a reproducir o que recollín entre algúns veciños de Órrea.
Miña nai sempre di que hai moita xente á que a terra nunca lle chega.Peroá fin hanna deixar toda aquí. E mira que é grande o mundo.
ResponderEliminarEu coñezo a quen se apropiou de masas comúns con fontes, de masas comúns con lavadoiros, quen vai movendo o marco uns centímetros cada día...Isto tamén somos nós, isto tamén é Galicia.
Por certo estas fotos recórdanme moito algunhas imaxes dun cineasta iraní chamado Kiarostami; e a historia que contas tamén
Eso dos camiños ten o seu aquel. Moitos deses camiños agora están pechados por a propia maleza que os cubre, xa que moi poucos limpan o monte (a ver se agora con isto da Xunta...) Outros camiños son servidumbre de paso que tiñan o seu sentido nun tempo cando iban dar a unha fonte, a unha chousa, casa ou sitio por onde non había mais remedio que pasar para chegar alí. Pero como as cousas cambiaron tanto no campo galego, hasta as fontes deixaron de botar auga, --estas fontes que había para o rego, que a xente se repartía as horas de auga-- por o que hai camiños que deixaron de ter razón de ser... un deses camiños pasa por o medio da eira dun home da miña familia, que non vai alí mais ca uns dias no verán, en todo o ano, a unica familia da aldea que precisaba ese camiño hay anos, xa non o usa porque fixeron outro que poidesen pasar tractores uns metros mais adiante.
ResponderEliminarUn ano, este home puxo un cercado novo á sua eira, e pensou que era tonto conservar aquel lugar aberto que lle resta intimidade. Ainda así puxo un portaliño a entrada e outro a saída do antiguo carreiro, por se lle viñan enriba, uns portons sin chave. Pois xa ó outro dia veu un veciño a eisixir que quitase o portal, que despesaxe o camiño. Moi ben, vaia capricho pensou o home este, e quitou os portais e deuxounos no garaxe. A semana seguinte voltou o veciño e díxolle que se lle daba 1800 euros renunciaría ao seu dereito a pasar por o camiño... por un tempo este home non lle deu nada, pero ó ano seguinte entrou por o aro e deulle os cartos...
Ás veces as cousas non son o que parece...