O pasado domingo andei a visitar o fermoso val que se esconde en Brandariz (A Baíña). Nunca alí chegara. Ía na procura dos restos da casa fidalga do escudeiro Lope de Brandariz, lugar onde houbo unha torre (casa-fortaleza) e tamén para coñecer e visitar os muíños de Ouro (non dei con eles). Disque teñen dúas moas e unha turbina con alternador eléctrico.
A casa creo que é a da foto, posúe aínda algún elemento que a distingue: os esquinais en perpiaño, algunhas ventás con mainel superior e dúas troneiras na planta baixa.
O agro que rodea a aldea está rodeado dun bosque fermoso e tupido, que garda a esencia silvestre sen alteracións observables a primeira vista. Polo fondo do agro discorre o río Lentisco, do que percorrín un tramo de medio quilómetro e no que paguei o prezo de mollar o calzado nas herbas cubertas do resío da noite.
Ningún comentario:
Publicar un comentario